Tuesday 07 de May de 2024

Sigüeiro acolle esta fin de semana a I Festa do Salvaxe Oeste, na que colabora o Concello


Desde o venres ata o domingo instalarase un poboado especialmente caracterizado no paseo fluvial do Carboeiro

O Concello de Oroso colabora coa organización da I Festa do Salvaxe Oeste, que se celebra esta fin de semana en Sigüeiro. Desde mañá venres ata o domingo, o paseo fluvial do Carboeiro acollerá un poboado especialmente ambientado no que se concentrarán as actividades da festa. A organización recomenda que os participantes acudan coa indumentaria característica.

A primeira actuación da festa será a do grupo Alborada, a partir das 22 horas na praza de Isaac Díaz Pardo. Xa no Paseo do Carboeiro, a partir das 23 horas actuará a orquestra Pacífico e no fío da media noite subirán ao escenario os integrantes da Asociación Cultural Amigos do Acordeón de Sigüeiro-Oroso. O sábado á noite actuarán a orquestra Panorama e Enmemusic. E para o domingo está previsto o grupo Unión y Fuerza. O cartel desta I Festa do Salvaxe Oeste complétase con música do estilo country, a cargo dos grupos Karaoke Experience, Rockabilly e The Howling Drifters.

No poboado, os participantes poderán atopar postos de churrasco, polbo e outros xantares festivos. Á vez, vaise desenvolver unha concentración moteira e cabalar, na que os participantes contan con acampada, piscina e duchas de balde.